03 de outubro de 2018
O noso concurso de proxectos empresariais “A Semente” abre as súas portas para novas ideas unha edición máis. Ata o 30 de novembro calquera persoa física con espírito emprendedor terá a posibilidade de propoñer unha idea empresarial, que tras unha primeira fase de selección, poderá quedar entre as 10 finalistas do certame.
Por suposto, este ano tamén haberá premios: un total de 16 mil euros repartidos entre os 3 gañadores, ademais da posibilidade de contactar con importantes grupos investidores.
1º premio: 8.000€
2º premio: 5.000€
3º premio: 3.000€
Se tes unha boa idea e queres participar, a inscrición ao concurso debe facerse a través da web www.asemente.org. Nela tamén están dispoñibles as bases do concurso e as pautas a seguir para a elaboración do proxecto final no caso de que sexas seleccionado.
A iniciativa lévase a cabo co patrocinio de 14 empresas, o Concello de Monforte e o Instituto Galego de Promoción Económica, así como a colaboración das 3 universidades galegas. O obxectivo é “sementar” propostas empresariais que dean pulo ao desenvolvemento económico de Monforte e a súa contorna.
Dende a asociación e conxuntamente coas nosas entidades colaboradoras, demos comezo esta semana ao noso ciclo ciclo de presentación en diferentes foros, universidades e centros educativos para achegar aos estudantes esta iniciativa e animalos a participaren.
As nosas redes sociais servirán como principal canle de comunicación cos participantes. Se te animas a participar e xórdeche calquera dúbida ou suxestión, non dubides en poñerche en contacto connosco a través da nosa páxina de Facebook ou perfil de Twitter.
Moita sorte a todos!